miércoles, 17 de mayo de 2017

Letras Galegas 2017



Para conmemorar as Letras Galegas 2017 visitou o cole Luis Vallecillo que co seu espectáculo "O mundo de Carliños" fixo un percorrido polas personaxes máis coñecidos das obras do autor homenaxeado este ano: Carlos Casares.

Pasamos un rato moi agradable cantando e bailando con Luis e Carliños

viernes, 12 de mayo de 2017

CONCURSO ESCULTURAS DO MAR

Estas semanas propuxémosvos un reto con estatuas relacionadas co mar. Despois duns días de investigación na biblioteca, por fin temos gañadoras do concurso e son...

Paula, Andrea, Karianny e Sheila.


sábado, 22 de abril de 2017

Día do libro 2017

Para conmemorar o Día Internacional do Libro realizamos unha actividade que nos gusta un montón: o apadriñamento lector.

Maiores e pequenos gozamos do pracer de ler en compañía.

Este ano, ademais, para atopar aos padriños/afillados tiñamos unha tarefa "especial". Os padriños/madriñas tiñan unha foto dunha escultura relacionada co mar e os afillados/as tiñan o nome desa escultura. Así, o azar xuntou a pequenos con maiores e xuntos buscaron o lugar que máis lles gustaba no patio para gozar do libro que Sabela tiña preparado para cada un.

Os afillados agasallaron aos seus padriños cuns fermosos marcapáxinas mariñeiros.

miércoles, 29 de marzo de 2017

DÍA MUNDIAL DA POESÍA


O día 21 de marzo celébrase o Día Mundial da Poesía. No cole fixemos un montón de actividades con poesías relacionadas co Mar.


Dende recitados de poesía sobre o Mar, elaboración de poemoas propios, escritura de poemas sobre faros,caligramas e ata aprendemos matemáticas contando e multiplicando versos!!


     

viernes, 3 de marzo de 2017

ROBÓTICA NA BIBLIOTECA

Boas, rapaces e rapazas:
Os maiores están aproveitando os recreos para aprender algo de robótica utilizando un Escornabot. Realizaremos a montaxe seguindo unha guía e, cando funcione, deseñaremos actividades para que xoguen e aprendan con el os máis pequenos. Aquí tedes unhas fotos das primeiras sesións.

martes, 17 de enero de 2017

MES DA CIENCIA

Bueno, aínda que un pouco tarde, aquí deixamos unha pequena mostra do ben que o pasamos na biblioteca coas actividades do mes da ciencia.
Agardamos que vos guste.

lunes, 21 de noviembre de 2016

XOGANDO A SER CIENTÍFICOS

Por fin comezamos cos nosos experimentos!!!
Depois de ler as instrucións e atender ás explicacións, fixemos "trucos de maxia" con base científica. Sabes o que pasa cando mesturas vinagre e bicarbonato? E se pintas nun folio con limón e lle das calor? Para coñecer estes e outros misterios da ciencia, xa sabes, ven á biblioteca!!!

viernes, 11 de noviembre de 2016

MES DA CIENCIA

Ola nenos e nenas:
Este mes, é o mes da ciencia e, para celebralo, imos realizar na biblioteca todo tipo de experimentos. Xogaremos a ser científicos e manipularemos diferentes obxectos e elementos para conseguir cousas que case parecen maxia.
Así que, xa sabedes, tanto se vos gusta a ciencia coma se non, pasade nos recreos pola biblioteca. Estades todos e todas invitados.

jueves, 3 de noviembre de 2016

CARRETE DE LECTURAS

Moi boas, nenos e nenas:
     Aquí tedes algunhas fotos da actividade. Fixéchedes un traballo fantástico recomendando lecturas aos demais. Seguide así e seredes uns grandes lectores e lectoras.
    Isto vai vento en popa.

lunes, 24 de octubre de 2016

DÍA DA BIBLIOTECA

     
Ola nenos e nenas:
     O día 24 de outubro, celébrase o Día da Biblioteca e, para conmemoralo, imos realizar un "Carrete de lecturas". Que é iso? Pronto o saberedes.

      De momento, ide pensando no voso libro favorito. Algún que vos gustou especialmente e que queirades recomendar aos compañeiros e ás compañeiras.

Moitos bicos.
                                                                           SABELA

domingo, 25 de septiembre de 2016

O mar


O MAR


        Benvidos, mariñeiros e mariñeiras. Comezamos un novo curso e temos preparada unha nova aventura. Sabela vainos levar ao mar e alí coñeceremos todo o que sucede por dentro e por fora del.          Estades preparados? 
       Lembrade que xa tedes traballo. Sodes quen de completar a mensaxe misteriosa?



       

Surca os mares e investiga
esta viaxe hai que facela
imos todos a montar
no gran barco de Sabela


martes, 3 de mayo de 2016

 DÍA DO LIBRO
      Como actividade conmemorativa do Día do Libro, marchamos todos a ler ao patio do colexio. Os maiores contamos contos aos pequenos e pasámolo xenial. Aquí tedes unhas imaxes. 
 

Día do libro 2016 from CEIP Rubians on Vimeo.

martes, 5 de abril de 2016

O CEMAL EN ACCIÓN!!!
 
      Neste vídeo, temos una pequena mostra que nos amosa o fantástico traballo que está a levar a cabo o noso equipo médico.
 
 

martes, 23 de febrero de 2016

Atención, atención:
       Faise saber a todo o alumnado do CEIP de Rubiáns que será convocado polo CEMAL nas vindeiras semanas para unha minuciosa revisión médico-lectora. Nela, establecerase un tratamento individualizado co que se pretende curar todos os males de espíritu, aledar almas, arrincar sorrisos, cultivar coñecementos e fomentar a imaxinación.
       Así que, xa sabedes, estade atentos á vosa cita médica.

lunes, 16 de marzo de 2015

ECLIPSE DE SOL



 Amiguiños! Enteiráchedesvos? O vindeiro venres día 20 de marzo haberá un eclipse total de sol.

Dende Pontevedra poderemos ver un 78% do sol oculto tras a lúa. O eclipse iniciarase ao redor das 09:05 da mañá, sendo o momento de maior ocultación ás 10:07 e rematando ás 11:15.

Dende algunhas asociacións propóñense diferentes actividades como charlas e observacións.  O máis próximo é o que organiza en Pontevedra a Asociación astronómica Siro.





Pero, que é un eclipse de sol? Mirade, mirade.

 

Podedes ter máis información na OSAE.

miércoles, 11 de marzo de 2015

Outros restos

Ademais dos grabados rupestres podemos obter información e desfrutar de outros restos como poden ser castros, cerámica, tesouros...

Nesta  fotomontaxe realizada pola revista Ágora podemos facernos unha idea de como era o Castro de Alobre.

martes, 10 de marzo de 2015

A Pedra do Encanto

A Pedra do Encanto... Que nome tan fermoso para unha pedra! Deixa voar a imaxinación e da lugar a lendas. 

Pero malia ser unha laxe de gran valor chegou a modernidade  e rompeu por mor dunhas obras. Agora está case destruída pero aínda se conserva o calco feito por Gil y Casal en 1916 e se poden ver os seus restos na estrada vella de Bamio.

 

lunes, 9 de marzo de 2015

A laxe dos bolos

En 2008 publicouse unha nova na que se daba a coñecer a existencia de un conxunto espectacular de petróglifos en Saiar, A Laxe dos Bolos, considerada unha das maiores inscricións rupestres de Galicia.





Cando se estuda un grabado nas rochas faise un calco dos debuxos en papel e este foi realizado en 1980 por Antonio de la Peña, segundo publicou La Voz de Galicia.

sábado, 7 de marzo de 2015

Os Ballotes

Agora que xa sabedes que a nosa convidada é Dona Beatriz Comendador Rey, decana da facultade de Historia da Universidade de Vigo, imos coñecer un pouquiño a Historia da nosa vila.

Beatriz Comendador está especializada na Prehistoria, ese período de tempo do que non hai escritos e para coñecer os usos e costumes da época hai que estudar os restos que van aparecendo. Deso encárganse os arqueólogos e arqueólogas.

A nosa zona leva habitada miles de anos e unha mostra deso podemos atopala nos petróglifos de Os Ballotes, en Bamio (Vilagarcía de Arousa).


Podedes ler algunha información máis no Faro de Vigo.

martes, 3 de marzo de 2015

DÍA DA MULLER TRABALLADORA

Xa chega o Día da Muller! Ese día no que lembramos un pouquiño máis a todas aquelas mulleres que fan un traballo difícil, ou considerado de homes, pero sen esquecernos de todas aquelas que traballan nas súas casas, coidan ás súas familias ou buscan un traballo sen poder atopalo.

Como cada 8 de marzo dende hai 4 anos unha muller virá a visitarnos para darnos a coñecer o seu oficio. Quen será nesta ocasión? Propoñémovos un novo xogo para averigualo.


martes, 18 de noviembre de 2014

A HISTORIA DE ROSETTA E PHILAE

Érase unha vez... a historia de Rosetta e Philae.

No mes adicado á ciencia nas bibliotecas escolares aconteceu un feito que marcará a Historia: a chegada  por primeira vez dunha sonda espacial a un cometa.

Tras dez anos de traballo Rosetta e Philae chegaron ao seu destino, o cometa 67P. O proxecto depende da Axencia Espacial Europea (ESA). 

jueves, 13 de noviembre de 2014

A HISTORIA DE SER MULLERES EN GALICIA

Historicamente a discriminación da muller foi unha constante na nosa terra, polo que mulleres coma María Pita ou Isabel Barreto tiveron que facerse pasar por homes.
No século XIX Rosalía de Castro, Concepción Arenal e Emilia Pardo Bazán loitaron porque se recoñecese o papel da muller e vivira con dignidade.